Síguenos


 

Cruz Vermella busca máis familias acolledoras en Galicia

Cruz Vermella busca máis familias acolledoras en Galicia

Cruz Vermella desenvolve diferentes proxectos relacionados coa infancia e a mocidade e traballa tanto na protección dos seus dereitos como para previr situacións de vulnerabilidade. Como cada ano, sumámonos á conmemoración do Día Universal dos Dereitos da Infancia, que se celebra o 20 de novembro. Como novidade, quixemos facer coincidir esta data co lanzamento da nova campaña do programa de Familias Acolledoras.

Unha das finalidades desta campaña é a promoción do acollemento familiar en Galicia e dar a coñecer a realidade de nenos, nenas e adolescentes que non poden estar cos seus pais e nais porque estes non están nas condicións idóneas para o seu coidado. Por este motivo, hai familias acolledoras que lles ofrecen o seu fogar temporalmente e danlles o cariño, a protección e os coidados que necesitan mentres a súa familia soluciona os problemas que lle impiden facerse cargo deles e elas.

Lema e datos

Querer é poder é o lema da campaña, facendo énfase en que o principal é querer axudar a estes nenos que non poden estar coas súas familias e que, a pesar de que xurdan dúbidas ou dificultades, si se pode. Calquera persoa, matrimonio ou parella de feito, con ou sen fillos, pode ser familia acolledora. O primeiro paso é informarse e, posteriormente, aquelas persoas que estean realmente interesadas iniciarían o proceso de idoneidade.

Actualmente hai 221 nenos que están a ser acollidos na nosa comunidade autónoma por familias acolledoras, elas son o mellor exemplo de que si se pode. Ademais, hai outros 50 menores que están á espera de acollemento, entre eles hai grupos de irmáns e nenos con necesidades especiais.

Isto significa que sempre hai casos aos que dar resposta polo que tamén é necesario ampliar a rede de familias acolledoras de Cruz Vermella en Galicia, de maneira que cantas máis incorporacións haxa, máis posibilidades de contar coa alternativa idónea para cada neno ou nena.

Outra das ideas crave é que as familias acolledoras teñen o poder de cambiar a vida de moitos nenos e nenas. A campaña virará ao redor de varias historias ilustradas que teñen como protagonistas a menores que están a ser acollidos por diferentes acolledores. Estas historias permitirán abordar distintos momentos do acollemento e facelo desde múltiples perspectivas. A primeira historia que verá a luz será a de Antía, unha nena de 6 anos, que pasa de estar nun centro para vivir cunha familia acolledora.

Así mesmo, a campaña conta con diferentes materiais e, desde a súa posta en marcha e en fases sucesivas, desenvolveranse actividades en diferentes localidades galegas así como un concurso de debuxo ou accións de carácter online.

Cruz Vermella xestiona o programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia e contamos con seis equipos específicos na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. A nosa Organización céntrase nos acollementos en familia allea, é dicir, os acolledores e acolledoras son persoas que non teñen unha relación de parentesco cos menores.

O obxectivo xeral deste programa é proporcionar unha atención temporal a aqueles menores en situación de risco, desamparo ou desprotección social, tutelados ou en garda pola Xunta de Galicia, nun ambiente familiar normalizado, alleo á súa familia de orixe, por non existir esta ou non ser idonéa para coidarlles.

Desexamos que esta nova campaña vos guste!!



Quero saber máis
Cóntallo a alguen
Estamos aquí para axudarche

Podes contactar gratuitamente connosco neste teléfono e atenderemos a túa consulta, os 365 días do ano, as 24 horas.

900 812 880