Contactos durante o
acollemento coa súa familia
As familias dos nenos, nenas e adolescentes, son familias que atravesan unha situación de crise ou dificultade que lles impide atender, correctamente e durante un tempo, aos seus fillos. Saber máis
Os motivos que poden levar a non poder coidar dos fillos adoitan ser diversos, con múltiples factores de risco que comprometen o benestar infantil e que, como consecuencia, producen incapacidade de coidar, criar e dar educación nas persoas que os teñen a cargo. Hai familias que, polas circunstancias nas que se atopan, vense abocadas a pedir á Administración Autonómica que asuma a garda temporal dos seus fillos e fillas, por un tempo determinado (non superior a 2 anos) e, noutras ocasións, é a Administración Pública, de acordo coa lei, a que retira a tutela por verificarse unha situación de desprotección ou malos tratos infantil.
- Exclusión social
- Dificultades graves con patoloxías e/ou adiccións.
- Ingresos en prisión.
- Falecementos repentinos.
- Indicadores de malos tratos.
O obxectivo final do acollemento é o retorno do menor coa súa familia, unha vez que esta supera as dificultades. Por tanto, para que non se perdan os vínculos afectivos, durante o acollemento existen contactos entre o neno ou nena e a súa familia.
Os equipos profesionais xunto coas familias establecen como, onde e cando deben realizarse estes contactos, e as familias acolledoras son responsables de favorecer estas relacións porque isto contribuirá positivamente na historia persoal do menor así como no seu regreso a casa.
En ocasións, en función do motivo da separación, o menor non debe manter contacto coa súa familia. Procuramos, en cada caso, dar a resposta máis adecuada a cada neno ou nena.