No Día dos Dereitos da Infancia, o equipo de acollemento familiar de Cruz Vermella en Galicia lembra a importancia de que todos os nenos, nenas e adolescentes poidan medrar en familias seguras, estables e afectivas.
Cada 20 de novembro conmemórase o Día dos Dereitos da Infancia, unha data que nos invita a reflexionar sobre a importancia de garantir que todos os nenos, nenas e adolescentes vexan respectados e protexidos os seus dereitos fundamentais.
O dereito á identidade, á saúde, á educación, ao xogo, a ser escoitados ou a medrar nunha contorna familiar son algúns dos piares que contribúen ao seu benestar e desenvolvemento. Uns dereitos que non deben entenderse de forma illada, senón como pezas que, xuntas, axudan a construír unha infancia segura, protexida e plena.
Os dereitos da infancia garántense mellor cando cada neno e cada nena pode medrar nunha contorna familiar segura e afectiva. Por iso, nesta xornada, desde o Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella, queremos poñer o foco na importancia de que todos os nenos, nenas e adolescentes poidan desenvolverse nunha familia que lles ofreza estabilidade, coidado, protección e oportunidades para medrar.
Con motivo desta conmemoración, elaborouse unha peza audiovisual que invita a mirar a infancia desde a perspectiva dos dereitos. A través da voz dun neno, o vídeo lembra que cada historia é única e que o respecto á identidade e ás orixes forma parte esencial do seu desenvolvemento:
“Esta é a miña historia, unha parte xa estaba antes de chegar aquí, e segue sendo miña”.
Esta mensaxe reflicte unha realidade fundamental: cada neno e cada nena ten unha historia propia, uns vínculos e unhas orixes que merecen ser recoñecidos e respectados. Cando, por diferentes circunstancias, unha familia atravesa dificultades que lle impiden facerse cargo temporalmente dos seus fillos e fillas, o acollemento familiar permite que poidan seguir medrando nunha contorna familiar mentres se traballa para superar esa situación.
O acollemento familiar constitúe unha medida de protección que sitúa o interese superior do neno, da nena ou do adolescente no centro, favorecendo que poida desenvolverse nun contexto de convivencia familiar, mantendo sempre que sexa posible os vínculos coa súa familia de orixe e respectando a súa historia persoal.
En Galicia hai nenos, nenas e adolescentes que necesitan temporalmente unha familia acolledora que lles brinde coidados, acompañamento e seguridade. Grazas ao compromiso de moitas familias, é posible ofrecerlles un contorno no que continuar medrando, aprendendo, xogando, expresando as súas opinións e construíndo relacións afectivas significativas.
Porque cada dereito coida unha parte da infancia. E cando todos eses dereitos son respectados e protexidos, axudan a soster toda a súa historia. O acollemento familiar forma parte desa rede de apoio que permite a moitos nenos e nenas seguir medrando en familia cando máis o precisan.
Queres formar parte desa rede de apoio?
Se queres coñecer mellor que é o acollemento familiar e como podes colaborar, podes informarte a través do Programa de Familias Acolledoras e participar nas vindeiras sesións informativas dirixidas a persoas interesadas en ofrecer o seu fogar a un neno, nena ou adolescente que o precise temporalmente.
Queres ser unha desas pezas?
Inscríbete nunha sesión informativa e descubre como o acollemento familiar pode axudar a que nenos, nenas e adolescentes sigan medrando nun contorno familiar seguro e afectivo.