A Xunta de Galicia vén de iniciar o proceso de consulta pública previa para a elaboración da primeira Lei galega de Infancia e Adolescencia, unha normativa chamada a converterse no marco legal específico neste ámbito na comunidade autónoma. O procedemento permanecerá aberto ata o 17 de marzo de 2026, e permitirá que persoas a título individual, entidades sociais, profesionais e calquera axente interesado poidan presentar propostas e observacións a través do formulario habilitado no Portal de Transparencia.
Consultas abertas – Portal Transparencia
O obxectivo principal desta futura lei é actualizar o sistema galego de protección á infancia e á adolescencia, aliñándoo co marco estatal e cos principios da Convención sobre os Dereitos do Neno (1989).
Cara a unha normativa moderna e participada
A nova lei procura integrar nun único texto as actuacións de protección, promoción e garantía dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes, así como o réxime de infraccións e sancións en materia de infancia. Deste modo, evitarase a dispersión normativa existente ata o momento en distintas leis autonómicas.
A Xunta expresa a súa vontade de acadar un texto con amplo consenso social, polo que considera esencial a participación de entidades do sector, familias acolledoras e adoptivas, profesionais e sociedade civil. Todas as achegas serán consideradas na fase de redacción do anteproxecto.
Potenciación do acollemento familiar e novas medidas de protección
Entre as principais novidades que se pretenden introducir destaca o reforzo do acollemento familiar como medida prioritaria de protección cando un neno ou nena non pode permanecer coa súa familia de orixe. Por primeira vez, proponse establecer unha dobre valoración das familias para acollemento e adopción, posibilitando que un menor poida permanecer na súa familia acolledora se é proposto para adopción.
A futura lei tamén prevé:
- A creación dun rexistro autonómico de familias acolledoras e adoptivas.
- A regulación dos distintos tipos de medidas de protección.
- A mellora da coordinación entre administracións, tanto no ámbito do risco leve (concellos) como nos casos de risco grave ou desamparo (Xunta).
Un chamamento á participación
Animamos a todas as persoas e entidades vinculadas á infancia a participar activamente nesta consulta pública. As súas achegas serán fundamentais para construír unha norma sólida, adaptada ás realidades actuais e plenamente orientada á defensa dos dereitos de todos os nenos, nenas e adolescentes de Galicia.