A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria da Campaña de Verán 2026, unha ampla oferta de campamentos e minicampamentos dirixidos a nenos, nenas e adolescentes de entre 9 e 17 anos, que se desenvolverán durante os meses de xullo, agosto e comezos de setembro en Galicia e noutras comunidades autónomas.
Estas actividades son moito máis ca unha alternativa de lecer: favorecen a socialización, a convivencia e o desenvolvemento persoal, permitindo que os rapaces e rapazas creen amizades, gañen autonomía e vivan experiencias positivas nun contorno seguro. Ao mesmo tempo, constitúen un importante recurso de conciliación familiar durante o verán, especialmente valioso para as familias acolledoras.
Información de interese para familias acolledoras
A convocatoria recolle algunhas cuestións especialmente relevantes para as familias de acollida:
✅ Desconto do 50 % no prezo das prazas para as familias acolledoras, presentando a resolución de acollemento familiar.
✅ Posibilidade de solicitudes vinculadas, equiparando a situación dos nenos e nenas en acollemento familiar á de irmáns e irmás que conviven no mesmo domicilio.
✅ Inclusión de prazas reservadas para nenos e nenas con discapacidade, garantindo a participación en condicións de igualdade.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 16 ao 29 de abril.
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Onde consultar a información e inscribirse
📘 Programa completo da Campaña de Verán 2026, con información detallada sobre campamentos, idades, datas e actividades:
👉 https://xuventude.xunta.gal
📝 Presentación de solicitudes (procedemento BS303A):
👉 https://sede.xunta.gal
Campamentos específicos para persoas con discapacidade
Ademais, tamén se convocan campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade, cun total de 250 prazas no Albergue Xuvenil Gandarío (Bergondo, A Coruña), na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán, Pontevedra) e na Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense). Estas prazas están dirixidas a persoas con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 %, con idades comprendidas entre os 11 e os 50 anos, organizadas en quendas e grupos adaptados ás distintas idades, que conten cunha capacidade mínima de comunicación, participación e mobilidade acorde ás características das instalacións.
O prazo de presentación de solicitudes para estes campamentos estará aberto do 20 de abril ao 5 de maio de 2026.
📘 Pódese ampliar a información na web de Consellería de Política Social e Igualdade:
👉 Programa completo destes campamentos
Precisas axuda?
Lembrámosche que, se tes dúbidas sobre o proceso de solicitude ou precisas apoio, podes contar co acompañamento das túas referentes de acollemento familiar de Cruz Vermella, que che axudarán a revisar a información e completar a inscrición.
Este verán pode ser unha oportunidade para gozar, aprender e compartir, tanto para os nenos e nenas en acollemento como para as súas familias.