No mes de maio celébrase o Día Internacional da Familia, con este motivo fixeronse sesións de sensibilización sobre acollemento familiar en centros escolares con nenos e nenas de 4º e 5 º de primaria.
Traballamos a través da historia gráfica de Xoan, un neno que vive nun centro de protección e polas noites soña con ter unha familia que o coide. Así establécese unha dinámica cos nenos e nenas na que falamos da temporalidade dos acollementos, das diferencias coa adopción, dos contactos dos nenos e nenas acollidos coa súa familia de orixe e de quen pode ser familia acolledora. Tamén se repartiron materiais da campaña de difusión “Querer é poder” que se está a desenvolver para sensibilizar e fomentar a cultura de acollemento na nosa sociedade, nesta ocasión entre os máis novos.
Por outra banda, no Concello de Gondomar (Pontevedra) este mércores 25 de maio presentouse a Campaña “Querer é poder” de difusión da medida de acollemento familiar, nun acto no que participaron o alcalde, Juan Francisco Ferreira a concelleira de Benestar Social, Igualdade, Sanidade, Xuventude e Deportes, Nuria Lameiro; a educadora familiar, Marta Couto. A presidenta provincial de Cruz Vermella en Pontevedra, Mª Teresa Álvarez, así como unha das familias acolledoras en activo das residentes neste Concello, Luisa Martin e Lorenzo Mateos. Un dos obxectivos do acto é que máis familias da comarca se decidan a formar parte da rede de familias acolledoras de Cruz Vermella en Galicia.