Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

As familias acolledoras, con prioridade nas estancias de verán 2026 nas residencias de tempo libre

🏖️ Aberta a convocatoria de estancias de verán 2026 nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia

A Consellería de Política Social e Igualdade publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de estancias de verán 2026 nas residencias de tempo libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño (Ourense), unha oportunidade pensada para facilitar o descanso, a convivencia familiar e o acceso a vacacións a prezos accesibles.

As familias acolledoras están recoñecidas nesta convocatoria como familias de especial consideración, polo que contan con prioridade na adxudicación das prazas, sempre que teñan algunha nena, neno ou adolescente en acollemento na unidade familiar no ano anterior á solicitude.

✅ Quen pode solicitar as estancias?

Poden participar todas as unidades familiares con residencia en España, incluídas as galegas residentes no exterior. A convocatoria recoñece expresamente como fillas e fillos da unidade familiar ás persoas menores en situación de acollemento familiar, garantindo así a igualdade de acceso ás familias acolledoras.

Non se valorarán as solicitudes de familias que xa gozaran dun turno na mesma residencia nas dúas convocatorias anteriores, salvo que queden prazas vacantes.

📍 Residencias e servizos incluídos

As estancias desenvolveranse nas residencias de tempo libre de:

  • Panxón (Nigrán)
  • O Carballiño (Ourense)

O servizo inclúe aloxamento e pensión completa, con limpeza diaria e tres comidas ao día. Aténdense dietas especiais por razóns médicas (alerxias ou intolerancias). Non está permitida a estancia con animais de compañía.

🗓️ Datas e duración

A convocatoria contempla turnos entre finais de xuño e comezos de outubro, con estancias de 6 ou 7 noites, segundo o período e a residencia. Cada familia poderá solicitar varios turnos por orde de preferencia, aínda que, con carácter xeral, só se adxudicará un turno por tempada, salvo que existan prazas libres.

📝 Como e cando presentar a solicitude?
  • Prazo: 10 días hábiles a partir do día seguinte á publicación no DOG.
  • Presentación: obrigatoriamente por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
  • Unha única solicitude por unidade familiar, indicando a orde de preferencia dos turnos e residencias.

Será necesario achegar, entre outra documentación, a acreditación da unidade familiar e, no caso das familias acolledoras, a resolución administrativa de acollemento cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

⭐ Prioridade para as familias acolledoras

Na adxudicación das prazas establécese unha orde de prelación, na que as familias acolledoras residentes en Galicia figuran no primeiro nivel de prioridade, xunto coas familias numerosas, monoparentais e vítimas de violencia de xénero.

Esta medida recoñece o valor social do acollemento familiar e facilita espazos de descanso e convivencia para as familias que acompañan a nenos, nenas e adolescentes en situación de especial vulnerabilidade.

💶 Prezos das estancias

Os prezos están regulados pola normativa autonómica de prezos públicos das residencias de tempo libre.
👉 Orden prezos públicos residencias de tempo libre

A reserva da praza require un depósito inicial de 30 € por habitación, e o resto do importe aboarase antes do inicio do turno asignado.

🔗 Máis información

👉 Programa de Vacacions en Familia

Recomendamos ás familias acolledoras interesadas revisar con atención a convocatoria e presentar a solicitude dentro do prazo establecido (remata o 20 de maio).