Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Bono Concilia Familia 2026: unha axuda para os gastos de conciliación das familias

A Xunta de Galicia convocou o Bono Concilia Familia 2026, unha axuda destinada a sufragar gastos de conciliación realizados durante este ano por necesidades puntuais ou nos períodos de vacacións escolares. Entre as persoas beneficiarias atópanse as familias acolledoras residentes en Galicia con nenas, nenos e adolescentes nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022. As solicitudes tramitaranse por orde de entrada ata o esgotamento do crédito dispoñible.

No caso das familias acolledoras, consideradas familias de especial consideración, a axuda pode cubrir ata o 100 % do gasto subvencionable. A contía máxima será de 500 euros por unidade familiar cando se trate da contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia no domicilio, e de ata 200 euros por cada nena ou neno para gastos en ludotecas, espazos infantís, servizos de conciliación autorizados, campamentos privados e outros recursos colectivos de conciliación. Poderán incluírse os gastos de conciliación realizados entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro de 2026, sempre que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e estean debidamente xustificados mediante factura e comprobante de pagamento.

O prazo de presentación abrirase o 9 de setembro de 2026 ás 9:00 horas e rematará o 9 de outubro de 2026 ás 14:00 horas. A tramitación realizarase exclusivamente por vía electrónica a través da sede da Xunta de Galicia.

As familias acolledoras que precisen información ou apoio para preparar e presentar a solicitude poden contactar coa súa persoa técnica de referencia en Cruz Vermella ou escribir a familias.acolledoras@cruzroja.es. Máis información no DOG da convocatoria e na Sede electrónica da Xunta de Galicia (procedemento BS412A).

Ligazóns de interese