Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Cursos de Formación Básica sobre Acollemento Familiar en Galicia

Cruz Vermella pon en marcha novas edicións da Formación Básica sobre Acollemento Familiar, que se desenvolverán antes do verán, dirixidas a persoas interesadas en ofrecer unha contorna familiar segura, estable e afectiva a nenos, nenas e adolescentes que, por diferentes circunstancias, non poden vivir temporalmente coa súa familia de orixe.

Esta formación constitúe un paso obrigatorio e o segundo requisito dentro do proceso para optar a ser familia de acollida, tras a primeira toma de contacto informativa. O seu obxectivo é acompañar ás persoas interesadas nunha reflexión consciente e responsable sobre o acollemento familiar, achegando coñecementos, ferramentas e espazos de diálogo.

Un espazo para coñecer, reflexionar e decidir

Abórdanse contidos clave para comprender en profundidade que implica o acollemento familiar, entre eles:

  • Que é o acollemento familiar e o seu papel como medida de protección.
  • O marco legal e os distintos tipos de acollemento.
  • As necesidades emocionais, educativas e relacionales dos nenos, nenas e adolescentes acollidos.
  • O rol da familia acolledora, as súas funcións, responsabilidades e límites.
  • A importancia do apego, a historia de vida e as relacións familiares.
  • O traballo en rede cos equipos profesionais e outros axentes implicados.
  • Espazos de reflexión persoal e grupal para valorar a idoneidade e dispoñibilidade.

A formación está pensada non só para informar, senón tamén para acompañar ás persoas participantes nun proceso de toma de decisións realista, respectuoso e aliñado co interese superior da infancia.

Calendario de cursos

Ourense
📅 Venres 29 de maio, de 16:30 a 20:30 h,
e sábado 6 de xuño, de 9:30 a 19:00 h

Vigo
📅 Mércores 10 e 17 de xuño
🕘 De 9:00 a 15:00 h

A Coruña
📅 Venres 12 e 19 de xuño
🕘 De 9:00 a 15:00 h

Como inscribirse?

As persoas interesadas en realizar a Formación Básica deben:

  • Dirixirse ao equipo de acollemento familiar da súa provincia de residencia, ou ben
  • Escribir a familias.acolledoras@cruzroja.es, indicando o curso e a localidade na que desexan inscribirse

Desde Cruz Vermella seguimos traballando para sensibilizar, acompañar e apoiar as familias que deciden dar un paso adiante e ofrecer coidado, estabilidade e afecto a nenos, nenas e adolescentes que o necesitan. O acollemento familiar é unha experiencia transformadora, tanto para quen acolle como para quen é acollido.