O 31 de maio celébrase o Día Mundial do Acollemento Familiar, unha data para recoñecer e dar visibilidade a un recurso de protección da infancia que transforma vidas: a dos nenos, nenas e adolescentes que, por diversas circunstancias, non poden vivir temporalmente coas súas familias de orixe, e tamén a das persoas e familias que deciden acollelos no seu fogar.
En Galicia, moitos nenos e nenas precisan un entorno seguro, afectivo e estable onde medrar mentres se resolve a súa situación familiar. O acollemento familiar é unha alternativa que lles permite manter vínculos afectivos, sociais e educativos nun contexto familiar, fronte a outras opcións máis institucionais.
No que vai de ano, 345 familias forman parte da rede do Programa de Familias Acolledoras. Grazas a elas, 253 bebés, nenos, nenas e adolescentes recibiron o apoio e o coidado que precisaban. Pero aínda hai camiño por facer: 62 menores están á espera de atopar a familia idónea que lles permita iniciar un acollemento familiar.
Por iso, queremos aproveitar esta data para achegar esta realidade á sociedade galega e convidar a máis persoas a informarse e valorar a posibilidade de acoller.
Este ano, difundimos unha mensaxe sinxela pero poderosa:
“Ti podes ser o principio dun novo capítulo na súa historia.”
Un lema que nos lembra que calquera persoa ou familia pode marcar a diferenza na vida dunha persoa menor de idade.
📢 Se queres saber máis sobre o acollemento familiar, como funciona, quen pode acoller ou como contactar connosco, visita:
👉 Faite familia acolledora – Acollemento Familiar
E se xa coñeces este recurso, axúdanos a espallar a mensaxe: comparte o cartel, fala do acollemento co teu entorno, ou contacta connosco se queres organizar unha actividade de sensibilización.
📩 familias.acolledoras@cruzroja.es
💗 Porque entre todas e todos, podemos construír unha sociedade máis acolledora.