Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Día Universal dos Dereitos da Infancia

O 20 de novembro é un día dedicado a todos os nenos e nenas do mundo. Celébrase o Día Universal do Neno e a Nena e conmemóranse os aniversarios da adopción da Declaración Universal dos Dereitos do Neno (1959) e a aprobación da Convención dos Dereitos do Neno (1989).

Esta Convención, a máis universal dos tratados internacionais, establece unha serie de dereitos para os nenos e as nenas, incluídos os relativos á vida, a saúde e a educación, o dereito para xogar, á vida familiar, á protección fronte á violencia e a discriminación, e a que se escoiten as súas opinións.

É un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos máis desfavorecidos, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento, algo que desde o Programa de Familias Acolledoras temos presente durante todo o ano.

Todos os membros da nosa sociedade —pais e nais, persoal docente e sanitario, dirixentes gobernamentais, líderes relixiosos, personalidades da política, o mundo empresarial, a sociedade civil e os medios de comunicación— desempeñan un papel crave no benestar da infancia.

Así, este Día Mundial ofrécenos un punto de partida para defender, promover e celebrar os dereitos dos nenos e nenas a través de diálogos e accións que construirán un mundo mellor para os nenos.