Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Escola de Formación para Familias Acolledoras 2019

A Escola de Formación para Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia (EFFA) é un espazo de información, formación e reflexión dirixido tanto aos adultos como aos nenos e nenas que forman parte do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, que xestiona Cruz Vermella Española.

Pretende ser un recurso de apoio ás familias con nenos, nenas e adolescentes en acollemento para que poidan mellorar e desenvolver as súas funcións educativas e socializadoras, axudándolles a superar situacións de necesidade e risco social.

Coas accións formativas que se imparten durante cada curso escolar (de setembro a xuño) quérense conseguir os obxectivos seguintes:
– Promover o coñecemento das características evolutivas e necesidades do nenos/as e dos adolescentes.
– Dotar aos adultos de recursos e habilidades que posibiliten un crecemento integral dos nenos/as e do grupo familiar.
– Propiciar espazos de reflexión sobre situacións cotiás e sobre criterios básicos de funcionamento do grupo familiar.
– Favorecer a comunicación e implicación en actividades compartidas, entre os membros da familia, e con outras familias en situación similar.

Dentro da programación 2019 da Escola de Formación para Familias Acolledoras realizaranse varias accións formativas durante novembro e decembro nas catro provincias galegas:

  • Sábado 9 de novembro en Pontevedra: Seminario para Educar en Igualdade que se impartirá na sede de Cruz Vermella (R/ Padre Gaite, 5) de 10:00 a 13.30 horas. A formación será dirixida por profesionais de APAIOGA (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega), e nela reflexionaremos sobre a importancia de educar en igualdade de xénero, baseándonos na diversidade como elemento positivo e fundamental para romper estereotipos dende idades temperás.
  • Sábado 16 de novembro en Ourense: Seminario sobre Coaching Emocional que se celebrará de 10:30 a 13.30 horas na sede de Cruz Vermella (R/ Diaz de la Banda, 40). Será impartido polo terapeuta Daniel Novoa, e será unha experiencia formativa para aprender e reflexionar sobre as claves que a educación emocional pode facilitar para unha xestión do acollemento familiar san e enriquecedor.
  • Sábado 23 de novembro en A Coruña: Taller Familias en Movemento de 10:00h a 14:00h no Centro de Formación de Cruz Vermella (R/ Médico Devesa Nuñez, 1 – zona Lonzas). Aprenderemos técnicas educativas e creativas de movemento, relaxación e respiración para crecer en familia a través da danza, e crear unha relación positiva a través do corpo, a emoción e a expresión non verbal. Será conducido por Laura Martinez, educadora social especializada en Danza Movimiento Terapia. Neste taller pode participar a familia o completo, indicado para nenos e nenas entre 5 e 10 anos.
  • Sábado 23 de novembro en Lugo:  Seminario Nenos, nenas e adolescentes acollidos: como comprender e acompañar as súas necesidades emocionais, realizarase de 10:00 a 14:00 horas na sede de Cruz Vermella – Avda. de Madrid s/n. Da man da psicóloga María Murado reflexionaremos desde a teoría e a práctica, para valorar a importancia das experiencias temperás na maduración cerebral dos nenos/as, entender a importancia do apego e as súas características, así como das emocións e a súa estrutura.
  • Sábado 30 de novembro en Santiago: Seminario Cómo resolver un conflicto e non morrer no intento de 10:00 a 13:00 horas na sede de Cruz Vermella (Avda. de Lugo, 42) Unha acción formativa eminentemente práctica impartida pola psicóloga Cristina Torrado.
  • Sábado 14 de decembro en Vigo: Seminario Intelixencias Múltiples, realizarase de 10:00 a 13:30 horas na sede de Cruz Vermella (R/ Teófilo Llorente, 8). Impartido polo terapeuta Daniel Novoa, que pretende transmitir ás familias estratexias para fomentar unha educación con protagonismo para a responsabilidade e coa intención de desenvolver as potencialidades dos nenos e nenas cun marco centrado no positivo.

 

Para as familias acolledoras que precisen ampliar información ou se queran inscribir en calquera das accións formativas, simplemente é necesario contactar co equipo de acollemento familiar que teñen de referencia.