Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Formación continua para familias acolledoras: dúas propostas para coidar mellor

O acollemento familiar é unha experiencia transformadora que require compromiso, afecto e tamén aprendizaxe constante. Por iso, desde Cruz Vermella en Galicia promóvese unha formación continua para que as familias acolledoras poidan reforzar as súas competencias e ofrecer unha contorna segura, respectuosa e afectiva aos bebés, nenos, nenas e adolescentes que teñen ou terán ao seu cargo.

Este outono, a rede de acollemento familiar contará con accións formativas especialmente deseñadas para acompañar ás familias no seu labor de protección e coidado. Aquí presentamos cada unha delas:

🌐 Adolescentes na rede: acompañar, comprender e protexer na era dixital

  • 📅 Data: sábado 18 de outubro
  • 🕥 Horario: De 10:00 a 14:00 h
  • 📍Lugar: Lugo

Impartido por Raquel Álvarez, especialista en violencias sexuais e contornos dixitais de Médicos do Mundo, este curso ofrece unha mirada profunda e sensible sobre os riscos que poden afectar á mocidade no ámbito dixital. As redes sociais, os contidos en liña e as interaccións virtuais forman parte da vida diaria dos adolescentes, e é fundamental que as familias acolledoras poidan identificar sinais de alerta, comprender o contexto e saber como actuar ante situacións de vulnerabilidade.

🧠 Desenvolvemento infantil 0-8 anos: etapas do desenvolvemento físico, emocional e cognitivo

  • 📅 Data: Sábado 8 de novembro
  • 🕥 Horario: De 10:00 a 14:00 h
  • 📍Lugar: Vigo

Este curso está centrado en comprender as distintas etapas do desenvolvemento infantil desde o nacemento ata os 8 anos. Impartido por Onésimo Juncos, catedrático de Psicoloxía do Desenvolvemento na Universidade de Santiago de Compostela. Abórdarase o crecemento físico, emocional e cognitivo, así como as necesidades específicas segundo a idade. Tamén se traballan sinais de alerta, condutas frecuentes en nenos e nenas en acollemento e ferramentas de disciplina positiva para favorecer unha crianza respectuosa e segura.

Un compromiso que se aprende e se comparte

Estas accións formativas reflicten o compromiso de Cruz Vermella coa capacitación das familias acolledoras, recoñecendo que o coidado emocional, físico e relacional da infancia en acollemento require apoio, coñecemento e espazos de aprendizaxe compartida.

Se formas parte da rede de acollemento familiar, anímate a participar. Porque cada curso é unha oportunidade para coidar mellor, comprender máis e acompañar con maior seguridade e afecto.

👉 Inscricións e máis información: pregunta o teu equipo de acollemento familiar de referencia ou escribe a: familias.acolledoras@cruzroja.es