Porque medrar en familia importa
Do 15 ao 31 de maio, con motivo do Día Internacional da Familia e do Día Mundial do Acollemento Familiar, Cruz Vermella visibiliza a necesidade urxente de incorporar novas familias acolledoras, especialmente para a primeira infancia.
En Galicia hai nenos, nenas e adolescentes que, por distintas circunstancias, non poden vivir coa súa familia de orixe e precisan unha alternativa de coidado que lles permita medrar nun entorno familiar seguro, estable e afectivo.
Durante os primeiros anos de vida, especialmente no caso dos bebés e nenos e nenas de ata 6 anos, o vínculo, a estabilidade e a atención continuada son fundamentais para o desenvolvemento emocional, a reparación de experiencias adversas e o benestar a longo prazo. Por iso, o acollemento familiar na primeira infancia é unha necesidade prioritaria.
Entre o 15 e o 31 de maio, coincidindo co Día Internacional da Familia e co Día Mundial do Acollemento Familiar, Cruz Vermella desenvolve unha acción de difusión “Galicia precisa máis familias acolledoras”, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía e animar a novas familias a informarse sobre esta medida de protección á infancia.
O acollemento familiar é unha medida temporal, sempre acompañada por profesionais, que permite que os nenos e nenas poidan vivir nun fogar mentres se traballa na súa situación familiar. Existen diferentes modalidades de acollemento e non é necesario cumprir un perfil concreto: o importante é a dispoñibilidade para coidar, acompañar e ofrecer estabilidade durante un tempo.
As familias acolledoras xogan un papel esencial para garantir o dereito da infancia a medrar en familia. Grazas ao seu compromiso, moitos nenos e nenas poden contar cun fogar que lles proporcione seguridade, afecto e referentes estables nun momento clave das súas vidas.
Neste momento, fan falta máis familias acolledoras en Galicia, especialmente para bebés e nenos e nenas pequenos. Informarse é o primeiro paso.
📞 Información e contacto
Podes contactar co programa de Familias Acolledoras a través de:
- 🌐 Web: Faite familia acolledora – Acollemento Familiar
- 📧 Correo electrónico: familias.acolledoras@cruzroja.es
- 📞 Teléfono gratuíto: 900 812 880
- 💬 WhatsApp: 607 049 695
Na web atoparás información detallada sobre:
- Que é o acollemento familiar
- Que tipos de acollemento existen
- Como iniciar o proceso
- Os datos de contacto cos equipos de Cruz Vermella nas distintas provincias galegas
As persoas interesadas poden informarse sen compromiso e recibir acompañamento profesional durante todo o proceso.
👉 Dar o primeiro paso é máis sinxelo do que parece: informarte pode marcar a diferenza na vida dun neno ou nena.