O Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella, consolidou en 2025 un avance esencial cara ao dereito de cada neno e nena a medrar nun fogar. Ao longo do ano, 428 menores foron atendidos polos seis equipos territoriais e 301 deles viviron en acollemento familiar, un dato que reafirma a importancia desta medida como alternativa prioritaria fronte á atención residencial.
Un dos resultados máis significativos é que o 73% dos nenos e nenas que iniciaron un acollemento en 2025 tiñan menos de 6 anos, e case un terzo eran bebés menores de 1 ano. Isto supón un paso decisivo cara ao obxectivo de evitar que os máis pequenos ingresen nun centro de protección, garantindo contornos afectivos estables desde as primeiras etapas da vida.
Un programa que pon o foco no benestar dos nenos e nenas
Os primeiros anos de vida son decisivos para a construción do apego, a seguridade emocional e o desenvolvemento saudable. Por iso, o acollemento familiar segue a ser unha das medidas máis recomendadas polos organismos internacionais de protección da infancia, ao ofrecer un fogar estable no que os nenos e nenas poidan vivir experiencias afectivas seguras e recuperar rutinas de vida normalizadas.
Ao longo do ano, moitos menores iniciaron un acollemento, outros agardan unha familia dispoñible e unha parte pechou esta etapa maioritariamente por reintegración familiar, adopción ou cambios no proxecto de vida. Pero detrás de cada situación hai historias de adaptación, esforzo e crecemento que só son posibles grazas ao compromiso das familias acolledoras e ao acompañamento técnico continuo que reciben. Cada proceso é único, e cada neno ou nena avanza ao seu ritmo, sempre con coidados profesionais e afectivos que lles permiten construír novas oportunidade
O traballo dos equipos de Cruz Vermella: apoio técnico, seguimento e acompañamento continuo
Os seis equipos de acollemento familiar —A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo— desenvolveron un labor intensivo. Ao longo de todo o proceso —desde o estudo inicial das familias até o seguimento dunha convivencia xa consolidada— os equipos ofrecen un apoio técnico especializado que garante que cada neno e nena teña cubertas as súas necesidades emocionais, educativas e sociais.
A súa intervención abrangue desde o acompañamento nas primeiras fases de adaptación, ata o seguemento do día a día das familias, a coordinación con escolas, profesionais da saúde, servizos sociais ou recursos terapéuticos. Este labor permite detectar a tempo posibles dificultades, reforzar os vínculos familiares e asegurar que cada neno e nena conta co espazo seguro que precisa.
316 familias acolledoras activas: o corazón do programa
A día 31 de decembro, o programa conta con 316 familias acolledoras activas, que abren o seu fogar para ofrecer estabilidade, afecto e coidados a nenas, nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade.
O seu compromiso permítelles a moitos menores crecer en contornas seguras, manter os seus vínculos coa familia de orixe cando é posible e construír un proxecto vital máis estable.
Sen elas, o programa non sería posible.
Hai nenos e nenas esperando: precisamos novas familias
A pesar dos avances, ainda existen 73 menores en espera de atopar unha familia de acollida. Deles:
- moitos son irmáns que deben permanecer xuntos,
- hai adolescentes con desexos e proxectos propios,
- e tamén nenas e nenos con necesidades especiais ou con discapacidade.
Tamén é necesario contar con familias dispoñibles para acollementos de bebés, especialmente en situacións urxentes.
Por iso, facemos un chamamento á cidadanía:
Se estás pensando en apoiar a infancia, podes ser familia acolledora.
Non importa a túa estrutura familiar; o que importa é a capacidade de ofrecer afecto, estabilidade e un fogar seguro durante o tempo que o neno ou nena o precise.
Infórmate e dá o primeiro paso
Calquera persoa interesada pode solicitar información sen compromiso a través de:
📍 www.acollementofamiliar.gal
📞 Teléfono gratuíto: 900 812 880
💬 WhatsApp: 607 049 695
📧 familias.acolledoras@cruzroja.es
Pensar no acollemento familiar é un acto de responsabilidade. Facelo realidade transforma vidas.
Foto de Helena Lopes