Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Miguel e Ignacio: unha historia real que anima a acoller adolescentes

Neste mes de outubro, a revista YES de La Voz de Galicia publicou unha emotiva reportaxe sobre Miguel e Ignacio, unha parella galega que decidiu converterse en familia acolledora durante a pandemia. A súa historia é a de moitas persoas que, ao coñecer a realidade da infancia tutelada, deciden dar o paso e ofrecer un fogar a quen máis o necesita.

🔗 Podes ler a reportaxe completa aquíMiguel e Ignacio, pais de acollida: «Preferimos acoller un adolescente porque é quen máis o necesita»

Miguel e Ignacio acolleron a Gabriel (nome ficticio), que tiña 12 anos cando chegou á súa vida. Hoxe, catro anos despois, a experiencia consolidouse como unha das decisións máis significativas da súa vida. «Acoller un neno é unha das cousas polas que vale a pena estar neste mundo», afirman.

A súa historia é especialmente relevante porque os adolescentes son os que máis esperan. Actualmente, en Galicia, hai 18 adolescentes entre 12 e 17 anos esperando por unha familia acolledora. Moitas veces, estas idades xeran dúbidas ou medos, pero tamén son etapas nas que o acollemento pode marcar unha diferenza profunda e duradeira.

Desde o Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella, animamos a todas as persoas interesadas a informarse, especialmente sobre o acollemento de adolescentes. Hai moitas formas de acoller, e cada familia pode valorar cal se adapta mellor á súa realidade.

📧 Si queres saber máis ou tes dubidas, podes escribirnos a: familias.acolledoras@cruzroja.es

Cada historia conta. Cada fogar transforma. Cada adolescente merece unha oportunidade.

Foto de Sandra Alonso