Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

“O amor non se herda, compártese”: unha exposición que visibiliza o poder transformador do acollemento familiar

O Centro Comercial Travesía de Vigo acolle desde o 29 de maio a exposición fotográfica “O amor non se herda, compártese”, unha iniciativa en colaboración con Cruz Vermella con motivo do Día Mundial do Acollemento Familiar. A mostra, que poderá visitarse ata comezos de xullo, busca sensibilizar á cidadanía sobre a importancia do acollemento familiar como unha forma de coidado temporal para nenos, nenas e adolescentes tutelados pola Xunta de Galicia.

A exposición está composta por 16 fotografías protagonizadas por familias acolledoras da rede de Cruz Vermella na provincia de Pontevedra. As imaxes, captadas con sensibilidade e compromiso polos fotógrafos Antón P. Pérez e Begoña E. Brao —quen colaborou de forma altruísta—, reflicten a diversidade e o amor que caracterizan a estas familias. A través dos seus testemuños, como o de Noela, quen afirma que “ser familia de acollida é un acto de xenerosidade que transforma vidas”, ou o de Leticia, que lembra que “ti podes ser o cambio que un neno necesita”, ponse de relevo o impacto positivo do acollemento.

Esta iniciativa non só informa, senón que convida a reflexionar e a actuar. Porque moitas persoas, con perfís diversos e contornas distintas, poden converterse nun referente afectivo para unha nena, un neno ou un adolescente que o necesita. Podes ver a exposición completa en liña aquí e, se desexas saber como formar parte da rede de familias acolledoras, solicitanos informacion a traves de: familias.acolledoras@cruzroja.es ou clicando nesta ligazón.