Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Webinar “Crise adolescente, apego e acollemento”

Formación continua para familias acolledoras de Cruz Vermella en Galicia

sábado 20 de xuño realizarase en directo a través de Internet este seminario, impartido pola psicóloga Magdalena Otero que conta con ampla experiencia con adolescentes xa que traballou en centros de protección de menores, é orientadora escolar e terapeuta especializada en adopción e acollemento.

O obxectivo deste seminario é ofrecer ás familias acolledoras unha visión de como o apego é un dos alicerces que as persoas empregan para crear a súa identidade. Sendo na etapa adolescente cando comeza unha crise que vai dar como froito a construción dunha identidade, e esta confórmase a través da narración da nosa historia de vida. Se a persoa é quen de entender e interpretar as circunstancias que lle tocaron vivir, conseguirá facer un relato coherente que dará sentido á súa vida e proporcionaralle seguridade e confianza.

As familias acolledoras deben axudar aos nenos/as a crear unha historia coherente e integrada que lles permita xerar unha base afectiva que posibilite unha autoestima axustada, a capacidade de establecer vínculos sans, reescribir o pasado en clave resiliente e xerar un sentimento de pertenza.