A Xunta de Galicia ten en funcionamento, desde hai máis de 25 anos, o programa de Familias Acolledoras que, xestionado por Cruz Vermella, trata de proporcionar unha atención temporal a aqueles nenos, nenas e adolescentes en situación de risco, desamparo ou desprotección social, tutelados ou en garda pola administración. Para poder levalo a cabo, é necesaria a implicación de familias que ofrecen o seu fogar aos menores, co fin de proporcionarlles o agarimo, os coidados, a seguridade e a educación que necesitan, mentres se solucionan as circunstancias que lles impiden vivir coa súa familia de orixe.
Un total de 319 nenas, nenos e adolescentes estiveron en situación de acollemento ao longo de 2023. Durante o ano, iniciaron o proceso de acollemento 112 menores e finalizárono 82. Isto foi posible grazas á participación de mulleres e homes comprometidos coa infancia e coa firme crenza de que ofrecer un fogar aos nenos, nenas e adolescentes que o necesitan serve para defender os dereitos da infancia e crear sociedades máis inclusivas e igualitarias. O Programa pechou o 2023 cun total de 336 familias (das que o 71% realizaron acollementos durante o ano), ademais 42 novas familias decidiron unirse á marabillosa loucura de acoller.
Un ano máis, o equipo técnico e voluntariado de Cruz Vermella estivo prestando atención ás necesidades dos nenos, nenas ou adolescentes acollidos, así como a aquelas que se poidan xerar na contorna familiar de acollida, xa que durante todo o tempo que dura o acollemento, dáse apoio e asesoramento de carácter psicosocial e educativo, tanto a nivel individual como grupal.
Converterse en familia acolledora non é unha decisión fácil. Para tomala, as persoas que se unen á rede fano porque saben que eses nenos, nenas e adolescentes necesítano e non hai maior satisfacción que axudarlles. En definitiva, é un acto de puro amor ditado polo corazón.
Sesións informativas
Dar a coñecer o Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, que se xestiona desde Cruz Vermella, é unha das claves para aumentar o número de familias que se atopan na rede, proporcionando un fogar a aqueles nenos, nenas e adolescentes que por diversos motivos non poden convivir coa súa familia de orixe.
Para iso, Cruz Vermella desenvolve mensualmente nas catro provincias galegas sesións informativas nas que se explica ás persoas interesadas que é o acollemento familiar, aproveitando a ocasión ademais para liquidar dúbidas e inquietudes. As persoas interesadas en acudir ou que desexen solicitar máis información teñen que formalizar a súa inscrición a través do seguinte formulario: Faite familia acolledora – Acollemento Familiar