Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

A marabillosa loucura de pensar co corazón, nova campaña para atraer a Familias Acolledoras

familias nueva campaña

Sabemos que decidirse a acoller a un neno, nena ou adolescente en casa non é unha decisión fácil e, con todo, en Galicia forman parte da rede de Familias Acolledoras máis de 300 unidades familiares. O motivo é sinxelo: todas elas saben que eses nenos e nenas necesítano porque non poden estar temporalmente coas súas familias de orixe e non hai maior satisfacción que apoiarlles durante ese tempo. En definitiva, trátase dun acto de amor puro que vén ditado polo corazón.

E esta é precisamente a base sobre a que se asenta a nova campaña do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, que se xestiona desde Cruz Vermella. A Organización Humanitaria tratará con esta iniciativa de incrementar o número de familias dispoñibles no Programa, así como trasladar á sociedade a importancia de contribuír a que todos os nenos, nenas e adolescentes dispoñan dos coidados, a seguridade, a educación e o agarimo que necesitan, independentemente da situación que poidan atravesar as súas familias.

Concepto creativo

Baixo o claim “A marabillosa loucura de pensar co corazón”, Cruz Vermella adapta a expresión do filósofo Friedrich Nietzsche, de que no amor hai sempre algo de loucura, pero tamén hai sempre na loucura algo de razón, para dar forma a unha campaña que apela directamente á parte emocional das persoas.

Nesta ocasión, o concepto creativo da campaña vira ao redor de catro escenarios que reflicten que calquera persoa, matrimonio ou parella de feito (con ou sen fillos), de calquera condición social, ideoloxía ou crenza, pode ser Familia Acolledora e vivir en primeira persoa a marabillosa loucura de pensar co corazón. Pero, ademais, cada unha das siluetas vén acompañada dun testemuñal, nos que se reflicten pensamentos, dúbidas ou ideas procedentes da parte racional do cerebro humano, que quedan disipadas en canto as persoas déixanse levar polas emocións. As relacións familiares entre fillos biolóxicos e nenos de acollida, facer fronte ás necesidades dos bebés, os grandes retos e aventuras na infancia ou a necesidade de achegar agarimo, comprensión e unha contorna estable son algunhas das reflexións ás que pretende dar resposta a campaña.

Estratexia de comunicación

Co obxectivo de adaptarse ás últimas tendencias e os novos modelos de comunicación, a campaña xogará con soportes físicos que estarán visibles en diferentes puntos da xeografía galega e accións de cobranding que terán lugar ao longo de todo o ano. Pero, ademais, apostouse por accións de difusión en redes sociais e unha renovación da landing page de Familias Acolledoras. En concreto, nela realizouse un cambio estético para facela máis sinxela e accesible, facilitando a navegación das persoas que queiran coñecer máis a fondo o acollemento familiar. Testemuños de homes e mulleres que xa forman parte da rede e unha sección de últimas noticias complementan unha páxina con numerosas opcións para solicitar información, xa sexa a través de teléfono, email ou chat de WhatsApp.

Por último, a nova campaña de Familias Acolledoras pon en marcha tamén unha newsletter, á que se poden subscribir todas aquelas persoas interesadas pola infancia e o acollemento familiar a través da páxina web.