Hoxe reafirmamos o noso compromiso de velar polo benestar, a protección e o desenvolvemento de todos os nenos, nenas e adolescentes. Cada pequeno merece unha contorna segura e chea de oportunidades para crecer e soñar.
Desde Cruz Vermella, traballamos cada día para que isto sexa unha realidade, brindando apoio a todas as familias que se suman a esta misión de ofrecerlles un fogar seguro e cheo de agarimo. ❤️
Todos os nenos e nenas teñen dereito a vivir e medrar en familia, por iso cando os servizos de protección de menores detectan unha situación sociofamiliar que provoca que unha crianza non poida ser atendida axeitadamente pola súa familia, os equipos profesionais da Xunta de Galicia traballan co obxectivo de atopar unha alternativa que propicie a adecuada atención das necesidades básicas do neno ou da nena. De todas as solucións, sempre se vai procurar a que máis beneficie o menor que, coa súa propia historia persoal e familiar, terá unha situación única e especial.
Son necesarias novas familias que se unan a rede de familias acolledoras de Cruz Vermella en Galicia para poder dar a resposta axeitada a cada bebe, neno, nena ou adolescente que precisa dun acollemento familiar.