Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Máis de 200 persoas participan no Encontro de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia

295 nenos, nenas e adolescentes foron acollidos en Galicia entre xaneiro e agosto deste ano. Neste momento 239 menores están en acollida.

O concello de Cenlle acolleu o sábado 21 de setembro o Encontro de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia. Foi no Balneario de Laias, onde máis de 200 persoas entre adultos, nenos/as e adolescentes compartiron unha xornada lúdico-formativa, na que puideron intercambiar experiencias e afondar en diferentes aspectos da educación e crianza dos nenos e nenas.

No acto de benvida ás familias interviñeron  Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Mercedes Casanova, presidenta de Cruz Vermella en Galicia; Rebeca Sotelo, alcaldesa de Cenlle; e Felipe Ferreiro, presidente de Cruz Vermella en Ourense.

Conducida pola xornalista Eva Conde-Corbal, a sesión didáctica dedicou un primeiro tempo á atención temperá de nenos e nenas de 0 a 6 anos, da man de Rocío García, Vicepresidenta da  Asociación Galega de Atención Temperá. Nunha segunda parte a sesión centrouse noutra importante etapa de desenvolvemento, a adolescencia, coa participación de Ricardo Fandiño, coordinador da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia. Tamen houbo un tempo para o desfrute da arte, da man de Álvaro Romero, que protagonizou un número de maxía e para finalizar contamos con Alba Pérez, que nos representou “Desvariado” un exercicio persoal de danza contemporánea.

Video resumen

A rede de familias acolledoras de Cruz Vermella en Galicia está formada por 339 familias, pero sempre se precisan máis persoas dispostas a colaborar xa que, deste modo, haberá máis posibilidades para dar a resposta máis axustada a novos casos, tendo en conta as características e necesidades dos nenos/as. Este ano entre xaneiro e agosto foron acollidos 295 menores polas familias da rede. Nestes momentos hai 239 nenos, nenas e adolescentes que están sendo acollidos, mentres que 56 están á espera de acollemento.

O acollemento familiar é un proxecto vivo, no que non existe unha familia tipo e onde cada acollemento é tan único como os nenos e nenas do programa. O requisito imprescindible para ser familia acolledora é non ter finalidade adoptiva. Despois, o equipo técnico de Cruz Vermella acompaña ás familias desde o primeiro momento e  durante todo o proceso de acollemento.