Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Máis de 250 persoas participan no Encontro de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia

O Pazo de Xerlís, na localidade da Estrada, acolleu o Encontro de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia o sábado 30 de setembro. Nesta ocasión, ao evento acudiron máis de 250 persoas, entre adultos e nenos/as, que compartiron unha xornada lúdico-formativa na que intercambiaron experiencias.

No acto de benvida ás familias interviñeron Mercedes Casanova, Presidenta de Cruz Vermella en Galicia; José Manuel Soutelo, Presidente da Asemblea Comarcal Tabeiros Terra de Montes; Jacobo Rey, Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; e José Carlos López, alcalde do Concello da Estrada.

Tras o acto inaugural, as persoas asistentes puideron coñecer en primeira persoa a experiencia de Luisa Martín e Lorenzo Mateos, familia acolledora, e de Álvaro Romero, mozo ex acollido. Ademais, o programa incluíu unha charla formativa a cargo de Mercedes de Santaló (Súpercamuchita) e realizáronse unha serie de actividades lúdicas e obradoiros por grupos para os nenos e nenas participantes, así como para gozar xuntos en familia.

A marabillosa loucura de pensar co corazón

Por último, a ocasión serviu para dar a coñecer ás persoas asistentes a nova campaña de sensibilización que se puxo en marcha recentemente para atraer á rede de acollemento familiar de Galicia a novas persoas e familias. A través de “A marabillosa loucura de pensar co corazón”, Xunta de Galicia e Cruz Vermella adaptan a expresión do filósofo Friedrich Nietzsche, de que no amor hai sempre algo de loucura, pero tamén hai sempre na loucura algo de razón, para dar forma a unha campaña que apela directamente á parte emocional das persoas.

O concepto creativo da campaña vira ao redor de catro escenarios que reflicten que calquera persoa, matrimonio ou parella de feito (con ou sen fillos), de calquera condición social, ideoloxía ou crenza, pode ser familia acolledora e vivir en primeira persoa a marabillosa tolemia de pensar co corazón. Pero, ademais, cada unha das siluetas vén acompañada dun testemuñal, nos que se reflicten pensamentos, dúbidas ou ideas procedentes da parte racional do cerebro humano, que quedan disipadas en canto as persoas déixanse levar polas emocións. As relacións familiares entre fillos biolóxicos e nenos de acollida, facer fronte ás necesidades dos bebés, os grandes retos e aventuras na infancia ou a necesidade de achegar agarimo, comprensión e unha contorna estable son algunhas das reflexións ás que pretende dar resposta a campaña.

Acollemento familiar

O acollemento é unha medida de protección á infancia cuxa finalidade é ofrecer un fogar a nenos e nenas que de forma temporal non poden vivir coa súa familia de orixe. Un fogar onde os nenos e nenas reciban todo o coidado e seguridade que necesitan mentres a súa familia de orixe atravesa unha situación de dificultade.

Cruz Vermella xestiona o programa de Familias Acolledoras en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Nestes momentos hai 244 nenos, nenas e adolescentes que están a ser acollidos en Galicia e 100 están á espera de acollemento, entre eles hai grupos de irmáns e menores con algunha discapacidade ou necesidades especiais.

A rede de familias acolledoras de Cruz Vermella en Galicia está formada por 326 familias, pero sempre se necesitan máis persoas dispostas a colaborar xa que, deste xeito, haberá máis posibilidades para dar a resposta máis axustada a novos casos, atendendo ás características e necesidades dos menores.

O acollemento familiar é un proxecto vivo, no que non existe unha familia tipo e onde cada acollemento é tan único como os nenos e nenas do programa. Só hai un requisito imprescindible para ser familia acolledora, que é non ter finalidade adoptiva. Despois, o equipo técnico de Cruz Vermella acompaña ás familias desde o primeiro momento e durante todo o proceso de acollemento.