Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

O acollemento familiar, a análise no número 27 dos Estudos sobre vulnerabilidade social

Baixo o título de ‘Familias de Acollida: análise dos sistemas de soporte a esta modalidade de coidado alternativo’, Cruz Vermella Española publicou recentemente o número 27 dos seus estudos sobre vulnerabilidade social. O obxectivo desta publicación é concienciar sobre o papel das familias no desenvolvemento desta modalidade de coidado alternativo, recoñecendo o compromiso cidadán e a solidariedade que exercen.

A investigación, sustentada en máis de 35 anos de experiencia de Cruz Vermella como entidade colaboradora no Acollemento Familiar, analiza os sistemas de soporte desta medida de protección á infancia, destacando o valor que ten no seu desenvolvemento a participación da sociedade civil. Ademais, conta coa opinión das familias, os mozos e mozas acollidos e profesionais especializados do ámbito da protección á infancia, os equipos de Cruz Vermella e persoas expertas nesta materia. Entre todos eles, atópanse participantes do Programa de Familias Acolledoras de Galicia.

Entre as principais conclusións do estudo, a investigación subliña o avance no marco institucional e lexislativo en materia de protección á infancia, que sintan as bases para o impulso desta modalidade de coidado no conxunto das comunidades autónomas. Tamén destaca a positiva valoración desta experiencia de vida que realizan os nenos, nenas e adolescentes, en relación aos coidados e apoios materiais e emocionais que reciben, considerándoos de carácter transcendente, así como o retorno que reciben as familias de acollida.

Doutra banda, o estudo pon de manifesto que o desenvolvemento lexislativo autonómico en materia de acollemento familiar é desigual, e non está actualizado nalgunhas comunidades autónomas. Existen considerables diferenzas territoriais, non no espírito normativo, pero si na súa concreción, alcance ou desenvolvemento regulamentario. E, ademais, as familias e profesionais reclaman contar co máximo posible de información sobre os nenos e nenas, as súas historias, os seus comportamentos nas contornas anteriores, as súas posibles enfermidades ou discapacidades etc., para acompañar e dar resposta da forma máis adecuada ás súas necesidades particulares.

Accede ao estudo completo aquí.

Outros estudos de Cruz Vermella aquí.