Web oficial do Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, xestionado por Cruz Vermella.

Saúde Emocional na Adolescencia: clave para o Desenvolvemento Integral

Durante o último Encontro de Familias Acolledoras de Cruz Vermella en Galicia, tivemos a oportunidade de entrevistar a Ricardo Fandiño, psicólogo e profesor asociado do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Educación na Universidade de Santiago de Compostela. Na súa charla formativa sobre a saúde emocional na adolescencia, ofreceunos unha visión profunda e esclarecedora sobre un tema de vital importancia para as familias acolledoras e os mozos e mozas ao seu cargo.

Ricardo explicou que a saúde emocional non se trata simplemente de estar feliz sempre, senón de ter os recursos persoais para enfrontar as dificultades cotiás. “A saúde emocional implica a procura dun benestar e o manexo do noso mundo emocional, afectivo e vincular para afrontar os retos da vida dunha forma adaptativa, razoable”, comentou.

Adolescencia: unha etapa de separación e descubrimento

A adolescencia é unha etapa marcada pola toma de conciencia dun mesmo e a separación das figuras protectoras. Este proceso, aínda que doloroso, é tamén estimulante e cheo de descubrimentos. “Deixar de ser neno/a é doloroso, pero tamén é moi estimulante. Non queren seguir sendo nenos/as, sobre todo non queren que os tratemos como nenos/as”, sinalou Ricardo.

Ser adolescente hoxe en día é complicado debido á sobredimensión desta etapa e as esixencias sociais. Ricardo explicou que a adolescencia converteuse nunha etapa que ocupa demasiada importancia social. “Vivimos nun tempo no que a adolescencia se converteuse nunha idade máis que de tránsito, como unha especie de estado que queremos prolongar eternamente”, comentou. Esta sobredimensión fai que os/as adolescentes enfronten presións adicionais para render e ser vistos constantemente.

As tecnoloxías da información e a comunicación exacerbaron estas esixencias, obrigando aos/as adolescentes a estar permanentemente expostos socialmente e avaliados. “Unha alumna dicíame un día que moito máis importante que ser rico, moito máis importante que ter estudos, era ser popular”, relatou Ricardo. Esta necesidade de popularidade e aceptación social engade unha carga significativa á súa vida cotiá.

Ricardo apuntou que as dinámicas de inclusión e exclusión, tipicamente asociadas á adolescencia, están a aparecer a idades cada vez máis temperás. “Estamos a traballar en programas de prevención do acoso escolar no segundo ciclo de primaria, o que indica que estas dinámicas están presentes desde os oito anos”, explicou. Esta temperá exposición ás presións sociais pode afectar o desenvolvemento emocional e psicolóxico dos nenos/as.

Ademais, os nenos, nenas e adolescentes que están en acollemento familiar enfrontan desafíos adicionais debido ás separacións que viviron. Estas experiencias poden dificultar a confianza e o establecemento de novas relacións de apego. Ricardo destacou que estes mozos poden beneficiarse da psicoterapia para entender e manexar as súas emocións, aínda que non sempre é necesario acudir a terapia.

A brecha xeracional e a importancia de escoitar

A brecha xeracional entre pais/nais e fillos/as adolescentes agrandouse debido aos rápidos cambios na sociedade. Ricardo subliñou a importancia de escoitar aos/as adolescentes, xa que teñen unha interpretación do mundo actual diferente e poden ensinarnos moito sobre o uso das redes sociais e outros aspectos da vida moderna.

Límites e exemplo adulto: claves para o desenvolvemento

Ricardo salientou que, para poñer límites aos/as adolescentes, as persoas adultas deben primeiro poñerse límites a si mesmas. “Os límites póñense en presenza, non en ausencia, e requiren tempo e renuncias“, afirmou. Ademais, é crucial que se fale da adultez en positivo e déase exemplo co comportamento.

A saúde emocional na adolescencia é un tema complexo e multifacético. Necesítase apoio, comprensión e límites claros para navegar esta etapa da vida. Os pais/nais e persoas adultas referentes deben estar presentes, escoitar e ofrecer un exemplo positivo para axudar ás persoas mozas a desenvolver as habilidades necesarias para enfrontar os desafíos da vida.

Se estás a considerar ser unha familia acolledora, lembra que o teu apoio e agarimo poden proporcionar unha contorna segura e enriquecedora para un neno, nena ou adolescente especialmente vulnerable. “É fundamental que os/as adolescentes sintan que teñen un espazo seguro onde poden ser eles/as mesmos/as e recibir o apoio necesario para enfrontar os desafíos da vida”, concluíu Ricardo.