Unha rede de 335 familias acolledoras fai posible que bebés, nenos, nenas e adolescentes teñan un fogar temporal mentres non poden estar coas súas familias de orixe.
Iso que desde Cruz Vermella definimos como “a marabillosa loucura de pensar co corazón” contribuíu en 2024 a que un total de 331 bebés, nenos, nenas e adolescentes tivesen un fogar temporal en Galicia durante o tempo no que, por un ou outro motivo, non puideron estar coas súas familias de orixe. Crecer nunha contorna segura non é só unha necesidade, é un dereito de cada neno e nena. Un fogar onde poidan sentirse protexidos, escoitados e valorados permítelles desenvolverse con confianza, aprender sen medo e construír relacións sas. O acollemento familiar ofrece esa seguridade e estabilidade que tanto necesitan.
O Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia xestionado por Cruz Vermella conta actualmente cunha rede de 335 familias, das que 162 residen na provincia da Coruña, 80 na de Pontevedra, 55 na de Ourense e 38 na de Lugo. Grazas a esta iniciativa, explica a responsable autonómica do Programa, Mónica Castelao, “contribuímos a que os pequenos e pequenas que non poden estar cos seus familiares de orixe, reciban o agarimo, a seguridade e a protección que necesitan en fogares de quen, temporalmente, convértense nas súas familias garantindo o seu benestar”.
Actualmente, un total de 56 menores están en espera de ser acollidos e acollidas en Galicia. É por iso que Cruz Vermella traballa para incrementar a rede de familias, e favorecer deste xeito que cada vez sexan menos os que estean temporalmente en centros de acollida. Nese sentido, Castelao subliña a importancia de “contar con familias dispostas a acoller a bebés e a nenos e nenas menores de seis anos, ademais por suposto de grupos de irmáns e adolescentes”.
Co obxectivo de facilitar toda a información necesaria e responder a todas as dúbidas que poidan xurdir arredor do acollemento familiar, organízanse mensualmente sesións informativas presenciais en diferentes localidades das catro provincias galegas.
Apúntate a unha destas sesións e valora en familia ser acolledores!.